ASTRONOMÍA
Un telescopio virtual, o último en tecnoloxía
O Grantecan vai ser pioneiro en transferencia de datos á comunidade científica
EFE . MADRID
O
Gran Telescopio de Canarias (GTC ou Grantecan), o maior do mundo en
óptica-infravermella e cuxo funcionamento se prevé para o verán de
2008, será "pioneiro" en transferencia de datos á comunidade científica
mediante a súa conexión ó chamado Observatorio Virtual, ó que accederán
os investigadores de forma gratuíta.
O Laboratorio de
Astrofísica Espacial e Física Fundamental (Laeff), o maior centro
español de datos astronómicos, situado en Madrid, e dependente do
Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), encargarase de
xestionar os datos do GTC e de distribuílos a través do Observatorio
Virtual a toda a comunidade científica. Para esta transferencia de
información, terá que ter concluído por suposto o denominado período de
"privacidade ou propiedade" dos datos durante o cal soamente o grupo
investigador ten acceso a estes; en Astronomía, esta fase de propiedade
de datos oscila entre un e dous anos.
Así o manifestou o
investigador principal do proxecto Observatorio Virtual Español,
responsable da Unidade de Bases de Datos do Laeff, Enrique Solano, tras
afirmar que, "para un astrónomo, será infinitamente moito máis fácil
traballar con datos do Gran Telescopio de Canarias".
O arquivo
de datos do Grantecan, situado no Observatorio do Roque de los
Muchachos, na illa da Palma, e que captou a súa primeira luz do ceo o
pasado 14 de xullo, aínda que este ano será sometido á fase final de
probas, será desenvolvido cumprindo os requisitos do Observatorio
Virtual, que é unha recente iniciativa internacional que permite que un
astrónomo poida acceder e analizar de forma fácil e eficiente grandes
volumes de datos procedentes de arquivos distribuídos a nivel mundial.
O procesado de datos do GTC realizarase no telescopio, e toda a
información relevante ou asociada a unha determinada observación será
transferida de forma automática ó Laeff.
Un proceso
automatizado "con rigorosos controis de calidade" e no que xa se vén
traballando, inserirá esa información no arquivo científico, asegurou o
experto.
Segundo Solano, "GTC será o primeiro gran proxecto
astronómico, cuxo arquivo se deseñe desde a orixe seguindo os
estándares do Observatorio Virtual, o que o situará nunha posición de
privilexio respecto de telescopios similares nos que a xestión dos
datos e a interoperatividade con outros arquivos astronómicos é pouco
eficiente".
Na súa opinión, a inclusión do arquivo do GTC no
Observatorio Virtual garantirá unha óptima explotación científica dos
seus contidos e será "peza clave" no cumprimento de dous dos grandes
obxectivos do proxecto: a mellor comprensión de procesos astrofísicos
xa coñecidos e o descubrimento de fenómenos e obxectos ata agora
descoñecidos.